Thursday 16 de May de 2024

O concello solicita autorización a Costas para restaurar a antiga fábrica de salazón situada en Punta do Castro en Castiñeiras


O Executivo quere destinala a usos divulgativos vinculados co mar

O Concello de Riveira remitiu toda a documentación necesaria para solicitar autorización á Demarcación de Costas en Galicia para poder emprender unha actuación destinada a recuperar e poñer en valor a histórica edificación que, enclavada en zona de dominio público marítimo-terrestre, preside a nova zona de ocio de Punta do Castro en Castiñeiras.

O arquitecto municipal, Alberto Iglesias Fungueiriño, foi o encargado de redactar o proxecto técnico que agora se pretende que sexa validado por Costas. Trataríase dunha intervención respectuosa coa arquitectura propia da antiga fábrica de salazón, de 197 metros cadrados de superficie, destinando esta instalación a usos divulgativos relacionados co medio mariño e actividades asociadas ao mesmo. O importe da obra está valorado en 149.907,06 euros, IVE incluído e o o Executivo está estudando posibles vías para o seu financiamento.

A día de hoxe, tan só se manteñen en pé os muros de mampostería de granito. Ditos muros atópanse en bo estado salvo un tramo da fachada sur que presenta unha lixeira deformación.

Cuberta e carpintería exterior
O proxecto elaborado persegue respectar o antigo volume da edificación mantendo o volume orixinal e a única planta existente, e engadindo unha cuberta a base de paneis de madeira e tella cerámica. Porase especial coidado na carpintería exterior (fiestras e portas) a través dunha solución de madeira de iroko.

O interior estará conformado por unha única sala, a excepción de dous aseos (un deles adaptado a persoas con mobilidade funcional) e unha pequena zona de recepción. O pavimento será de formigón pulido.

A actuación inclúe tamén a canalización das augas tanto residuais como pluviais mediante a instalación de tubaxes de PVC que ás deriven ata a rede xeral á altura da estrada provincial que descorre por Castiñeiras.